Acisa e o Grupo Valcarce poñen de novo en marcha a Tarxeta Aforro

Acisa organiza de novo a campaña tarxeta aforro con descontos no combustible na estación de servizo Valcarce, de Ribadeo. Será do 11 de outubro ao 30 de novembro.

A presidente de Acisa, Carmen Cruzado, indicou que «o obxectivo desta campaña é o fomento da actividade comercial e hostaleira durante preto de dous meses mediante a fidelización do cliente tanto da vila como os visitantes a través de tarxetas de desconto de 0´09 euros por litro de combustible».


O xerente da asociación ribadense, Jesús Pérez, explicou que «as tarxetas aforro obteranse gratuitamente realizando as compras ou consumicións en calquera dos establecementos asociados a Acisa Ribadeo, e só se entregará unha por cada tícket de compra por un importe mínimo de 10 euros. Esta promoción é válida desde este mércores, 11 de outubro, ata o 30 de novembro, período no que os clientes poderán lograr as súas tarxetas”.


Pérez Prada engadiu que «esta promoción non é acumulable a outras e as tarxetas deberán ir debidamente seladas por cada establecemento, sendo dun único uso. De modo que para aplicar un novo desconto noutra repostaxe deberá entregarse unha nova tarxeta. Esta campaña so é válida na estación de servizo Valcarce, de Ribadeo, que asume integramente o desconto dos 0´09 euros por litro».


Cruzado Iglesias indicou que «Acisa Ribadeo xa levou a cabo esta campaña noutras ocasións e debido ao éxito obtido decidimos volver desenvolvela neste caso durante preto de dous meses, coincidindo con dúas épocas susceptibles para facer viaxes como é a inmediata ponte do Pilar e de defuntos”.


O xerente de Acisa dixo que «este ano que os carburantes están volvendo sufrir subidas de prezos pareceunos unha grande oportunidade poñela en marcha, xa que é unha forma directa de axudar a aforrar aos nosos clientes no seu día a día e por ese motivo imos poñer en circulación 40.000 tarxetas. En cifras, se estimamos que a capacidade media dun depósito pode roldar os 50 litros, esta campaña estaría valorada nun total de 180.000 euros de descontos en carburantes para os noso clientes».


A presidenta de Acisa sinalou que «sen dúbida esta nova campaña de Acisa xunto coas do Bono Activa Comercio e das Panchas, fan de Ribadeo nas próximas semanas o mellor lugar para vir comprar ou tomar algo e desfrutar das vantaxes que se poñen a disposición dos nosos clientes».


Na presentación da tarxeta aforro con descontos no combustible participaron a presidenta, o secretario e o xerente de Acisa, Carmen Cruzado, Felipe Fernández e Jesús Pérez.


Jesús Pérez lembrou que «desde hoxe pódense descargar xa os Bonos Activa Comercio por parte dos clientes. Queremos animar a todos os ribadenses a facelo e beneficiarse destes interesantes descontos que son unha oportunidade única para realizar as compras de tempada, da roupa de outono-inverno ou incluso para aqueles que queiran ir mercando os regalos de Nadal, recordemos que esta campaña dura ata decembro. Parécenos importante tamén recordar, que o prazo para que os comercios se adhiran neste caso segue aberto, e facemos un chamamento a que máis negocios o fagan. A dia de hoxe 43 establecementos ribadenses forman parte da campaña».

Comentarios