Gonzalo Lebredo (NNXX): «A política interesoume desde moi neno, con 7 ou 8 anos ía aos mitins de todos os partidos que había en Ribadeo»

gonzalolebredoo
Gonzalo Lebredo foi nomeado hai unhas semanas como novo vicesecretario de Medio Rural e Demografía de Novas Xeracións. Estudante de Filoloxía Clásica é, ademais, vicepresidente da asociación Pragma e presidente da comisión de festas de Ribadeo. 

Por que decidiu afiliarse ao PP e non a calquera outro partido político? Sempre lle interesou a política? 

Foi en Santiago, a raíz dun convite a unha cea que me fixeron uns amigos. Alí comecei a coñecer o partido, á xente que o integraba... e acabei por afiliarme. Como cando te metes en calquera asociación ou grupo, vaste involucrando cada vez máis. 

Lembro que a política me interesou desde moi neno. Como anécdota, con 7 ou 8 anos, ía a todos os mitins de todos os partidos que había en Ribadeo. Sempre tiven unha inclinación cara o Partido Popular, cara á xente como Manuel Fraga e Alberto Núñez Feijóo, que na miña familia sempre foron políticos moi respectados. 

O PP é un partido que cre na xuventude e un partido que non nos utiliza a modo de pantalla. Non somos un slogan, somos un activo moi importante e ténsenos completamente en conta.

Cal será a súa función como vicesecretario de Medio Rural e Demografía de Novas Xeracións? 

A nova directiva de Novas Xeracións de Galicia está composta por unha presidenta, Nicole Grueira; un secretario xeral, Manuel Novoa; e dúas coordinadoras xerais, Paula Losada e Bea Quintía. Ademais, hai dez vicesecretarías. Eu ocupo a de Medio Rural e Demografía, onde nos encargamos de canalizar a actividade dunha área en relación coa xuventude: cooperación con Concellos, reto demográfico, apoiar a xóvenes gandeiros e agricultores relacionadas coas medidas que ten a Xunta con Medio Rural... E aí estou eu, ao lado da presidenta, sendo o encargado de axudar con temas relacionados co rural. 

Que peso cre que ten a mocidade no PP? 

O PP é un partido que cre na xuventude e un partido que non nos utiliza a modo de pantalla. Non somos un slogan, somos un activo moi importante e ténsenos completamente en conta. Isto non é "palabrería", son feitos, como se demostra nas listas das eleccións municipais onde hai moitos concelleiros novos e algún candidato de NNXX. Nas listas ao Senado tamén houbo persoas da organización en postos de suplente e nos comicios ao Parlamento sempre hai militantes da organización xuvenil do PP. Aí esta a proba de que o Partido Popular confía nos máis mozos e de que somos un activo importante para eles. 

Dise que quen non é de esquerdas de novo non ten corazón, e quen non é de dereitas de adulto non ten cerebro... É así? 

Creo que cando unha persoa é nova e non coñece aínda ben o funcionamento do mundo tenda a guiarse máis por emocións. Hai emocións moi positivas como a solidariedade, a preocupación polo próximo... Todo iso pode levar a pensar na idea dun Estado omnipresente. Porén, co tempo, cando un coñece como funcionan as relacións cos demais, a empresa etc. ve que a iniciativa individual é moi importante e que a liberdade é a que permite os avances na sociedade. 

Nós o que queremos para Galicia é seguir a ser unha illa de estabilidade dentro do caos do Estado español.

Un referente político? 

Manuel Fraga. Soubo conducir unha Galicia na que se atravesaban dificultades, atrasada en infraestruturas e esquecida polo Estado á modernidade e a sentirse orgullosa de si mesma. 

Como ve ao PPdG para estas próximas eleccións autonómicas do 18-F? 

Vexo un partido moi forte e nunha situación moi boa a nivel interno. Agora tócalles aos galegos valorar se estes anos que levamos no gobernos foron ou non positivos para Galicia. Eu creo que si. No PP estamos preparados para unha primeira maioría absoluta de Alfonso Rueda e cremos que é a única opción seria para Galicia. A alternativa non cre en Galicia, é un multipartito no que non se poden ver entre eles, no que están continuamente con rifas internas. Nós o que queremos para Galicia é seguir a ser unha illa de estabilidade dentro do caos do Estado español. 

Cre que o PP pode verse afectado electoralmente pola crise medioambiental dos pellets? 

Eu penso que non. O que se demostra con este problema medioambiental dos pellets é que o PSOE e o BNG teñen moito medo e están máis preocupados pola campaña electoral que por resolver os problemas de Galicia. Estes días estamos vendo como o goberno do Estado, o PSOE, e os seus socios de Sumar e os independentistas, ocultaron información á Xunta de Galicia, pois tiñan información de que ese colector caera dun barco en Portugal. Recibiron aviso do goberno portugués e sabemos pola prensa —que é como nos enteramos— que están facendo un uso político da súa institución para intentar atacar ao PP de cara á campaña electoral que vén. Os galegos dirán se isto é serio ou non. Eu penso que non. Os galegos teñen moi claro que o principal é solucionar os problemas e gobernar e non crear liortas absurdas en base a este tipo de problemas. 

Como ve o seu futuro político? 

Como dixen, a política encántame e vívoa de maneira intensa, pero ata agora foi sempre unha afección. Considero que é importante que as persoas ás que nos gusta a política teñamos un traballo e unha formación e desenvolvamos a nosa carreira profesional á marxe da política. Evidentemente, estou a disposición do partido para o que todo aquilo que consideren para min. Nestes momentos non teño por diante ningunha meta nin ningunha pretensión. Aspiro a dedicarme á miña profesión. 

Sempre se amosou moi activo durante a súa etapa estudantil formando parte da Asociación Xuvenil Pragma...

Tiñamos ganas de facer algo distinto ao que se estaba a facer na universidade. Todas as asociacións estudantís eran independentistas de extrema esquerda. Nós apostamos por facer algo diferente, queriamos unha asociación apolítica, onde o prioritario foran os intereses dos estudantes e non depender de ningún partido. En Pragma, eu si que son do PP, pero moitos dos meus compañeiros non o eran. Temos representación na maioría de facultades da USC, temos unha persoa no Consello de Goberno na USC e outra na UDC. A actividade de Pragma foi moi importante, fixemos actos, debates, conferencias... gardo un recordo moi bonito daquela etapa.

Comentarios