O director xeral de Comercio e Consumo destaca o papel de Ribadeo dentro do Plan Estratéxico do Comercio de Galicia 2025-2030 e salienta que o seu dinamismo serve de inspiración para outras vilas
O director xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración da Xunta de Galicia, Gabriel Alén, defende o papel do comercio de proximidade como motor económico e social das vilas galegas. No marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 aprobado en marzo, destaca que Ribadeo é «un dos centros comerciais abertos mellor valorados de Galicia» e subliña a importancia de impulsar a cooperación entre administracións e asociacións. A Xunta concedeu a Acisa Ribadeo unha achega extraordinaria de 50.000 euros para o desenolvemento da súa campaña de dinamización comercial "O noso comercio é vida. Vive Ribadeo". Alén aposta por un comercio «moderno, sostible e capaz de adaptarse aos cambios da sociedade actual», e lembra que existen liñas de apoio autonómicas para a dixitalización, a modernización e o relevo xeracional no sector.
- Que papel xoga a Xunta de Galicia no financiamento ou no apoio técnico ou estratéxico das iniciativas, que se desenvolven en Ribadeo?
- No marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030 que vimos de aprobar no mes de marzo, o que establecemos é a importancia de impulsar as contornas comerciais, e un das máis importantes de Galicia é Ribadeo. O Plan estratéxico recolle, entre outros aspectos, a necesidade de favorecer a colaboración institucional entre diferentes administracións e institucións, como poden ser Acisa Ribadeo, o Concello, as deputacións ou a Xunta de Galicia, en aras de seguir impulsando o sector. Alí onde hai iniciativas, e en Ribadeo hai, temos que estar.
«Alí onde hai iniciativas, e en Ribadeo hai, temos que estar»
- En Ribadeo hai un gran dinamismo no eido comercial?
- Temos unha orde de axudas para os centros comerciais abertos, con 54 entidades adheridas en toda Galicia. Este ano quixemos darlle un carácter máis competitivo, premiando os mellores, e Ribadeo tivo unha das mellores valoracións de Galicia. E recibiu unha achega extraordinaria de 50.000 euros para o desenvolvemento dunha campaña no mes de agosto que foi un éxito durante toda unha semana.
- E dentro dese dinamismo, está tamén a campaña das Panchas?
- Como non, tamén con iniciativas como as tradicionais Panchas, que chegan á súa sétima edición. Dende a Xunta de Galicia queremos sumarnos a todas esas boas iniciativas, orixinais e que, ademais, poden ser replicadas noutros territorios. Non digo só coas Panchas, pero si co espírito e dinamismo que vemos en Ribadeo. Por poñer un exemplo, apoiamos as xornadas Impulsa Comercio, nas que participaron máis de 150 comercios e asociacións, e compartíronse estas boas prácticas. Cremos que é o mellor modo de impulsar e recoñecer o bo facer tanto do Concello como da Asociación de Comerciantes de Ribadeo.
«Ribadeo é un dos centros comerciais abertos mellor valorados de Galicia»
- O comercio local está a facer un esforzo constante por modernizarse e adaptarse. Que ferramentas pon a Xunta ao seu dispor para acompañar ese proceso?
- Destacamos o papel de mellorar a modernización e a competitividade do comercio local. Ninguén vai a un comercio local por compaixón, vai porque lle dá aquilo que busca. Temos que preparar o comercio para o futuro e ser capaces de adaptarnos aos cambios da sociedade actual. Temos unha orde de axudas que aglutina todo o que se pode necesitar: axudas para a dixitalización, para a modernización dos espazos e equipamentos, e tamén para fomentar a sustentabilidade ambiental —bolsas e materiais reciclables, papel, etc.—. Son axudas de ata o 80%, que volveremos convocar o ano que vén cun orzamento de 4 millóns de euros. O que facemos en moitas xornadas é animar a todo o comercio a acollerse a estas liñas, para mellorar a súa competitividade e facer atractivo o comercio a pé de rúa.
«As Panchas son unha iniciativa orixinal e inspiradora, que pode servir de exemplo para outras vilas»
- Tamén están a realizar unha campaña para poñer en valor o comercio na Mariña?
- Ademais do convenio coa Federación Galega de Comercio, tamén colaboramos coa campaña da Federación da Mariña. Recentemente estivemos en Foz e en Barreiros percorrendo o comercio local cun sorteo e outras iniciativas que percorrerán toda A Mariña nas próximas semanas. Son accións de promoción do comercio local nas que participan, entre outros, Carlota Corredera, David Ínsua e Isidoro Valerio.
- Falando da dixitalización, que é un dos grandes retos do comercio de proximidade. Como contribúe a campaña das Panchas a avanzar neste ámbito?
- Ao pasar ao formato dixital, a través dunha app, o que fas é favorecer que a xente se achegue a esa aplicación, que despois serve para ofrecer información durante todo o ano. Creo que é fundamental. Ademais, esta semana lanzamos a segunda campaña dos bonos Activa Comercio 2025, que tamén contribúe a ese obxectivo: familiarizar ao público coas apps, os códigos QR e as ferramentas dixitais. Unha campaña tan motivacional como a das Panchas consegue que a xente se descargue a aplicación e, a partir de aí, poida utilizala para consultar ofertas, promocións e campañas doutros comercios da contorna. As ferramentas dixitais —as redes sociais, os grupos de difusión, etc.— son imprescindibles.
- Outro dos problemas que adoitan sinalar as asociacións de comerciantes é o relevo xeracional. Como o aborda a Xunta de Galicia?
- É un problema moi importante, ao que se suman as cargas impositivas e os prezos elevados dos locais. Nesta lexislatura, as competencias da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración inclúen activar mecanismos para facilitar a remuda xeracional. Hai axudas para quen queira coller eses negocios e tamén para quen os deixa. Estas axudas tramítanse a través da Rede de polos de emprendemento, que desempeñan un papel esencial tanto na difusión como na elaboración dos plans de negocio. Animo a calquera persoa interesada a achegarse ao Polo máis próximo: poden atopar oportunidades en negocios con persoas ao cargo a piques de xubilarse, e tamén ao revés, emprendedores que busquen continuar proxectos existentes. Hai mecanismos para iso.
«Ninguén vai a un comercio local por compaixón, vai porque lle dá aquilo que busca»
- Que papel xoga o comercio local na economía galega e por que é estratéxico defendelo?
- Bastaría con imaxinar un barrio ou cidade sen comercios e sen hostalería. O comercio dá vida, emprego e dinamismo ás vilas. Xera actividade económica noutros sectores e contribúe á riqueza local. En Ribadeo vese moi claro: é un comercio que incluso abre os domingos, cun dinamismo especial que nos sorprende gratamente e nos anima a visitar a vila con frecuencia. Non só polo turismo, senón tamén polo que chamamos turismo comercial. Tamén quero poñer en valor outra iniciativa para dinamizar as vilas comerciais: o programa Vilas Vivas. Temos un proxecto piloto en Ribadavia, onde alugamos tres locais céntricos, rehabilitámolos e decorámolos con coidado, xunto coas rúas adxacentes. Ese comercio de atracción está a recuperar a vida socioeconómica da zona. Iso é o que queremos replicar noutras vilas galegas.