«As Panchas son unha maneira de dinamizar a economía local e manter vivo o noso pobo», asegura Marta Saiz

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) - 2025-11-03T185206.575
A concelleira de Turismo e Comercio de Ribadeo, Marta Saiz, explica nesta entrevista os detalles da nova edición da campaña As Panchas, unha iniciativa que busca incentivar o consumo local e fortalecer o tecido comercial do municipio. Saiz fala do impacto económico do programa, da colaboración con ACISA e da boa acollida entre veciños e establecementos

- En que consiste exactamente a campaña de As Panchas e cal é o seu principal obxectivo para o comercio e a hostalaría de Ribadeo?
A campaña de As Panchas podemos decir que é un bono local, con nome tamén moi ribadense. Unha iniciativa única en Galicia e que dende logo supón un impulso moi importante para o comercio e a hostalaría local. Por 30€ recibes 40 Panchas, o que supón unha axuda para o cliente e un impulso para o comercio. Hai que ter en conta que Ribadeo vive principalmente do sector servizo e todo o que se impulsa dende o Concello non é unha simple festa, como din por aí. É unha maneira de dinamizar e de impulsar a economía de proximidade. É asegurar a compra en Ribadeo, é comprarlle ó teu veciño ou á túa veciña e manter vivo o teu pobo. A conexión entre a Administración e o comercio sempre se vai traducir en ingresos para o sector.

- Como está sendo a acollida desta iniciativa entre os establecementos e a veciñanza, e que valoración facedes dende o Concello da súa evolución ao longo dos anos?
Unha iniciativa que ten moi boa acollida tanto por parte do comercio como tamén dos veciños. Dende o Concello a valoración é moi positiva, constante e permanente. Isto tradúcese nun incremento orzamentario grazas á Xunta de Galicia. Pasou de 65.000€ a 85.000€. Como dicía antes, é moi importante a conexión entre a Administración e o comercio e, neste caso, con ACISA. Existe unha conexión permanente en cada actividade. Ó final o que todos pretendemos é que a xente veña a Ribadeo, e quen mellor que o comercio para darlle vida e luz a unha vila.

- Que papel xoga ACISA Ribadeo nesta campaña e como é a coordinación co Concello para sacala adiante?
Neste caso da Pancha, é unha campaña que se impulsa dende o Concello e está dirixida a todo o comercio e hostalaría, independientemente de se eres socio de ACISA ou non.

- Que balance facedes desta edición?
Este ano hai 84 establecementos adheridos e esperamos que, un ano máis, esta campaña sexa un éxito.

Comentarios