Carlos García: «Este foi un ano de especial expansión da marca Foz»

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) - 2025-12-26T173738.428
photo_camera O concelleiro subliña que Foz ofrece nestas datas «algo moi valioso: tranquilidade, proximidade, vida na rúa e unha programación pensada para todas as idades»
Carlos García, concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Axenda 2030 de Foz e responsable de Organización do PSOE local, destaca o crecemento demográfico, a boa evolución económica e a consolidación dun modelo que, afirma, sitúa ao municipio nunha bonita senda de prosperidade

Carlos García, concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Axenda 2030 de Foz e responsable de Organización do PSOE local, resume o 2025 como «moi positivo» e subliña que este foi «un ano dae especial expansión da marca Foz», sustentado en «indicadores de crecemento sólidos e sostidos» que, di, son «un sinal claro de que estamos no camiño axeitado». Destaca que, malia gobernar en minoría, «fomos quen de sacar adiante acordos traballados tanto a esquerda como a dereita» en ámbitos como a auga, as infraestruturas viarias, a mobilidade ou a orde económica. Reivindica unha maneira de gobernar baseada en escoitar e asumir responsabilidades —«gobernar non é complicado, pero require valentía e acerto»— e apunta que esa filosofía xa permite percibir avances, cunha folla de ruta que inclúe o asentamento do modelo de mobilidade, melloras no barrio mariñeiro e máis investimento nas parroquias. A maiores, de cara a 2026, fixa como prioridades avances en materia de vivenda pública, de sanidade, na reversión de terreos portuarios ou novidades acerca do «ansiado auditorio para Foz».

– Remata un novo ano. Que balance fai deste 2025?
– O balance é moi positivo. Foi un ano fantástico para Foz en moitos aspectos clave e os datos o avalan: a evolución demográfica, o ciclo económico, a paz social e, especialmente, a finalización de numerosas obras que estaban en marcha. Todo iso vai conformando a imaxe do Foz que queremos: un municipio máis amable, moderno, funcional e no que dea gusto vivir.

– Ten responsabilidades no Goberno de Foz como concelleiro de Relacións Institucionais, Comunicación e Coordinación da Axenda 2030. De todo ese traballo, de que se sente máis orgulloso este ano?
– Sen dúbida, este foi o ano da expansión da marca Foz. Falamos dunha pequena cidade que presenta indicadores de crecemento sólidos e sostidos en demografía, renda per capita ou ocupación, o que reforza a pedra angular do noso compromiso coa veciñanza: facer de Foz un bo lugar para vivir, e ser o municipio que máis medra en poboación da comarca, segundo os datos do INE, non é casualidade; é un sinal claro de que estamos no camiño axeitado.

 

«Todo vai conformando a imaxe do Foz que queremos: un municipio máis amable, moderno, funcional e no que dea gusto vivir».

– Xunto ao alcalde Fran Cajoto e ao resto dos edís do goberno municipal, tiveron por diante retos importantes ao longo deste ano. Que balance fai dese liderado e cal diría que foi o maior desafío compartido en 2025?
– Son unha persoa moi analítica e cando fago balances deste tipo procuro buscar unha foto fixa nun contexto moi líquido, como son os tempos que nos toca vivir. Nun escenario global marcado pola polarización, a descalificación sistemática e mesmo o odio, a foto deste ano en Foz foi a do entendemento. Cun goberno en minoría fomos quen de sacar adiante acordos traballados tanto a esquerda como a dereita para sentar as bases de piares fundamentais como a xestión da auga, novas infraestruturas viarias, melloras substanciais na mobilidade urbana, orde nas contas municipais ou garantías regulamentarias para a educación superior. Iso só pode explicarse pola altura de miras e a calidade humana da clase política focense, cando se deixa a un lado o insustancial e se centra na prosperidade dun pobo coma Foz cunhas potencialidades incribles. 

 

«Nun escenario global marcado pola polarización, a foto deste ano en Foz foi a do entendemento. Cun goberno en minoría fomos quen de sacar adiante acordos traballados tanto á esquerda como á dereita »

 

– Ten dito en varias ocasións que a verdadeira transformación comeza nas cousas pequenas. Que cambios ou transformacións cre que se poden percibir xa en Foz a curto prazo neste vindeiro ano?
– Así o creo firmemente. Teño un lema que manteño como un credo persoal: as cousas ben feitas, ben parecen. Entramos no goberno cun xesto claro, un cambio de dirección nas arterias viarias do corazón de Foz, e funcionou porque a mensaxe estaba na xente. Gobernar non é complicado, pero require acertar, e cando non se acerta, saber rectificar con honestidade. Esa filosofía é a que permite que a veciñanza perciba cambios reais no seu día a día. Non somos curtopracistas, pero o asentamento do modelo de mobilidade, as melloras nas rúas do barrio mariñeiro ou o investimento en parroquias é o que está por vir.

«Entramos no goberno cun xesto claro, un cambio de dirección nas arterias viarias do corazón de Foz, e funcionou porque a mensaxe estaba na xente»

 

– No ámbito do partido é responsable de Organización. O vindeiro ano estará marcado pola proximidade das eleccións municipais. Como ve este escenario e que papel considera que debe xogar o partido en Foz?
– Afrontamos ese escenario con responsabilidade, serenidade e ambición. O Partido Socialista de Foz é unha garantía ao servizo da cidadanía, capaz de organizar, escoitar e sumar. En Foz imos seguir fortalecendo un proxecto histórico, social, aberto e con vocación maioritaria, centrado en ofrecer solucións solventes aos veciños e veciñas de todo Foz.

 

«O Partido Socialista de Foz é unha garantía ao servizo da cidadanía, capaz de organizar, escoitar e sumar»

 

– E con que retos encara o 2026?
– O principal reto é consolidar o proxecto iniciado e seguir apretando con máis intensidade coa vivenda pública, a mellora dos servizos sanitarios, consumar a reversión de terreos portuarios ou o ansiado auditorio para Foz, que xa vai sendo hora. En definitiva, seguir reforzando un modelo de crecemento sostible, equilibrado e centrado exclusivamente nos veciños e veciñas de Foz.

– Pasa vostede o fin de ano en Foz? Que ofrece o seu pobo nestas datas?
– Si, sempre que as obrigacións familiares o permiten paso o fin de ano en Foz. O noso pobo ofrece nestas datas algo moi valioso: tranquilidade, proximidade, vida na rúa e unha programación pensada para todas as idades. É un lugar ideal para despedir o ano en familia ou con amizades, gozando do comercio local, da hostalaría e dunha contorna privilexiada que tamén no inverno ten moito encanto que ofrecer.

 

Este artículo forma parte del Especial Fin de año, que publica Aquí Diario. Ver el especial completo aquí

 

Comentarios