O deputado provincial polo BNG e concelleiro en Barreiros salienta a boa acollida dos programas impulsados desde a Deputación e destaca a dinamización social e deportiva que vive o seu concello, ademais de lembrar a importancia dunha sanidade pública «sen agardar»
Daniel García, deputado provincial de Rural, repasa un 2025 no que —asegura— percibiu unha excelente acollida aos programas dirixidos a fortalecer o rural e mellorar o día a día da xente. No seu labor como concelleiro en Barreiros, destaca iniciativas de dinamización como o circuíto de carreiras populares, a recuperación do ximnasio municipal ou os mercadiños, xunto coa mellora de espazos e servizos nas parroquias. De cara ao novo ano, expresa un desexo: que a sanidade pública funcione sen esperas.
– O 2025, diría que foi un ano intenso? Se tivese que resumilo nunha idea ou prioridade, cal sería?
– O 2025 que está a piques de rematar foi un ano intenso, cheo de proxectos que se converteron en realidades, polo que aproveito para felicitar e agradecer ao persoal todo o esforzo e traballo nun ano no que tivemos o maior orzamento desde que xestionamos a área de Rural, con iniciativas centradas no apoio ao tecido produtivo do sector primario, fundamental para a economía, pero tamén para o equilibrio territorial e ambiental.
– Na Deputación de Lugo leva competencias no sector primario, desde o apoio ao tecido produtivo ata accións fronte a ameazas como os incendios forestais. Houbo algún programa que destacase especialmente pola resposta da xente?
– Sentimos, en cada punto da provincia ao que chegamos, que os proxectos das nosas áreas son proxectos útiles, que fan que o día a día das persoas sexa mellor e que logran concienciar a persoas de todas as idades de que existe un futuro prometedor no noso rural. Este ano ampliamos de forma decidida o orzamento e a cobertura de iniciativas que son referentes na provincia e en Galiza, como o programa educativo Da escola á granxa, no que participaron este ano 7.000 nenas e nenos de infantil e primaria, ou a convocatoria de axudas ao pastoreo O que non arde, que financiará investimentos en arredor de 70 ganderías en extensivo de toda a provincia.
«Os programas como Da escola á granxa permiten ver que hai un futuro prometedor no noso rural»
– No ámbito da mocidade, que cuestións lle preocupan máis hoxe? Que retos se atopan no día a día desde a Deputación?
– Estamos nun momento crucial no que a mocidade ten moito que dicir. Existe unha preocupante desconexión co pasado, non tan afastado, que entre todas e todos debemos coidar que non se esqueza para que non se volvan repetir capítulos negros da nosa historia. Pero tamén notamos un agromar de xente moza concienciada coa importancia de coidar a cultura galega, a nosa música, a nosa lingua… e iso estou seguro de que é grazas, en parte, a todo o traballo feito durante anos desde as áreas gobernadas polo BNG nesta institución.
«A nosa mocidade está a agromar con máis conciencia cultural e identitaria»
– Combina a responsabilidade de deputado provincial coa de concelleiro en Barreiros. Que lle aporta unha visión que a outra non lle daría?
– A visión provincial é máis ampla e complexa por tratarse de 67 concellos; quizais a municipal sexa máis intensa no día a día e moito máis próxima no trato coa xente. A miña implicación na área de Dinamización do Concello é total desde o primeiro día, e iso require moito tempo e moito traballo: reunións, planificacións e levar a cabo moitas iniciativas, xa que a área integra cultura e deporte, que son sempre ámbitos moi activos. Este traballo e esta visión diaria axudan a comprender que cada concello, igual que cada veciña e veciño, é un mundo, e que o importante é escoitar as necesidades e as posibilidades de cada lugar.
«Cada concello e cada veciña e veciño é un mundo: o importante é escoitar»
– Este ano Barreiros avanzou en dinamización e participación veciñal. Hai algún proxecto, iniciativa ou conversa coa veciñanza que considere especialmente significativa para o futuro do concello?
– Seguimos avanzando cara a ter cada día un concello máis dinámico durante todo o ano. Estamos moi orgullosos de ver que o traballo dá os seus froitos. O circuíto de carreiras populares achega cada vez máis xente a Barreiros dunha forma saudable e respectuosa co medio. Nesa liña, modernizamos e puxemos a funcionar de novo un servizo como o ximnasio municipal, que roza os 200 usuarios nestes seis meses que leva en funcionamento. Os mercadiños que organizamos convertéronse en espazos para a veciñanza e son eventos que a xente non se quere perder. Tamén realizamos diversas obras nos locais sociais e prazas das parroquias e, neste 2026, temos proxectos moi interesantes que van axudar á dinamización do concello.
– Que lle pide ao 2026? Hai algún obxectivo que queira poñer no centro desde o primeiro día?
– Pídolle que se poidan realizar todas as iniciativas que temos en mente, sen atrancos, e que o ano 2026 sexa para Barreiros e para o resto da Mariña e da provincia un ano cheo de proxectos que fagan mellor o día a día das persoas que vivimos aquí. Por pedir unha soa cousa, e non ser moi egoísta, pídolle que no 2026 non teñamos que agardar para ir ao médico na sanidade pública.
Este artículo forma parte del Especial Fin de año, que publica Aquí Diario. Ver el especial completo aquí.