Efigenia Maseda: «Traballamos pensando nas persoas, con humildade, diálogo e responsabilidade»

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) - 2025-12-26T192511.500
photo_camera Efigenia Maseda, alcaldesa de Alfoz, cunha das estampas máis recoñecibles do municipio ao fondo: o castelo de Castrodouro e o seu marco turístico.
A alcaldesa de Alfoz define o 2025 como «un ano de traballo constante e de superación». Destaca a continuidade dos proxectos municipais, a colaboración con outras administracións e o impulso que supuxo o orzamento histórico para avanzar en servizos, infraestruturas e iniciativas sociais

Efigenia Maseda, alcaldesa de Alfoz e responsable das áreas de Servizos Sociais, Turismo e Atención á Veciñanza, salienta que o 2025 foi «un ano de traballo constante e de superación», marcado pola continuidade dos proxectos iniciados e polos avances logrados en distintos ámbitos grazas á cooperación con outras administracións. Sinala que o orzamento histórico aprobado este ano permite pasar «das intencións aos feitos» e reforzar servizos básicos, apoiar ao tecido asociativo e completar actuacións en eficiencia enerxética e infraestruturas. De cara ao 2026, aposta por consolidar os servizos fundamentais —auga, SAF e RSU— e seguir traballando para mellorar a calidade de vida da veciñanza

– Como se vive o Nadal e o fin de ano en Alfoz?
– Esperando uns días de descanso da actividade cotiá para mergullarnos nunha época moi especial, centrada na familia, nas tradicións e na celebración. Cada un de nós pensa nos máis novos, a quen vemos cheos da mesma ilusión que nós tiñamos á súa idade, e recordamos con agarimo aos máis achegados e familiares, e tamén a aqueles que xa non se atopan entre nós.

 

«Seguimos mantendo ese espírito de nenos e esperando que Papá Noel ou os Reis Magos se lembren de nós»

 

– Hai algo característico destas datas que lle gustaría destacar?
– Que, aínda que pasen os anos e cambie o noso xeito de vida, seguimos mantendo ese espírito de nenos e seguimos a esperar que o Papá Noel ou os Reis Magos se lembren de nós, porque todos consideramos que o temos merecido. O máis importante é o valor do tempo compartido coa xente que queremos e coa que creamos recordos.

 

«O importante é saber cara a onde se quere ir e intentar manter esa dirección» 

 

– E como remata o Concello este ano respecto a como o comezou?
– Dando continuidade aos proxectos e aos traballos comezados no ano anterior, dándolle solución a algún imprevisto, con avances en varios aspectos —aínda que haxa retos pendentes— e sempre cara a un obxectivo final marcado.

– A lexislatura xa pasou o seu ecuador. Como está sendo o traballo desde a Alcaldía neste tempo?
– Tan intenso coma desde o comezo, constante e moi centrado en dar resposta ás necesidades reais da veciñanza e seguindo, na medida do posible, o camiño trazado. O importante é saber cara a onde se quere ir e intentar manter esa dirección.

– Que titular lle poría a este ano en Alfoz?
– «Un ano de traballo constante e de superación» É dicir, un ano no que houbo moito traballo diario, avances progresivos e a intención de deixar encamiñados proxectos importantes para o vindeiro tempo, sempre pensando no ben da veciñanza e no desenvolvemento do Concello.

– Acadaron acordos con diferentes administracións que permitiron melloras nos eidos turísticos, deportivos ou no rural. Que destacaría deste traballo conxunto?
– Que nos permitiu acometer proxectos que doutro xeito sería difícil sacar adiante. Turísticos como a sinalización das principais vías de entrada ao Concello e traballos de conservación do muro que rodea o castelo de Castrodouro; deportivos, entre eles a substitución da cuberta do campo de fútbol municipal e da piscina; e o arranxo e mellora de infraestruturas municipais, como vías e pontes; no rural.

– Neste 2025 Alfoz contou cun orzamento histórico. Que está a supoñer esa cifra e en que se nota?
– Está a supoñer unha oportunidade moi importante para Alfoz, porque permite pasar das intencións aos feitos e xestionar o noso diñeiro xunto co procedente doutras administracións —subvencións ou convenios— en diversos ámbitos da vida dos veciños. Vese reflectido no que fomos capaces de rematar: acompañar e fortalecer asociacións e as súas actividades, proxectos de eficiencia enerxética, garantía de servizos —entre eles os referentes aos nosos maiores— e diferentes infraestruturas.

«O orzamento histórico deste ano permitiu pasar das intencións aos feitos»

 

– Que proxectos de futuro teñen enriba da mesa de cara ao vindeiro ano?
– Hai varios proxectos pensados para consolidar o xa iniciado e dar novos pasos no desenvolvemento de Alfoz. Máis que un único proxecto, trátase dunha liña de traballo clara e continuada para seguir poñendo solucións onde fagan falta, manter e mellorar servizos —auga, SAF, RSU— e desenvolver actividades que axuden a mellorar a calidade de vida da xente de Alfoz.

– No ámbito do turismo, que ofrece Alfoz especialmente neste Nadal e Fin de Ano?
– Combina actividades festivas, propostas culturais e lugares de interese turístico tanto para visitantes coma para familias. Entre as actividades, podemos citar o Mercado de Nadal, teatro e actividades infantís, concertos de Nadal e Fin de Ano, festa de Nadal para nenos e cabalgata de Reis. Os lugares de interese: castelo de Castrodouro ou rutas e natureza: ruta do río Ouro, Pena Abaladoira e Fervenza do Escouridal.

 

«Hai varios proxectos pensados para consolidar o xa iniciado e dar novos pasos no desenvolvemento de Alfoz»

 

– Ademais de alcaldesa, vostede é responsable de Servizos Sociais, Turismo e Atención á Veciñanza. Que balance fai destes ámbitos e que necesidades detecta en Servizos Sociais?
– O balance é positivo e supón un punto e seguido no traballo do ano que vén. Seguimos cubrindo necesidades das persoas maiores, tanto no reforzo dos servizos básicos como no aumento das horas de prestación —dado o incremento da demanda polo progresivo avellentamento—, e prestando axuda directa nos fogares, de libre concorrencia e mediante empresa, ás persoas con grao de dependencia recoñecida. Para os máis novos, mantemos axudas á natalidade e ampliamos actividades deportivas para adultos e nenos. Traballamos pensando nas persoas.

 

«Seguimos cubrindo necesidades das persoas maiores e ampliando actividades para todas as idades».

 

– Quere aproveitar este momento para un agradecemento ou unha mensaxe?
– Si, este é un bo momento. Un agradecemento sincero a todas as persoas, colectivos e entidades que contribúen a manter viva a vida social de Alfoz; aos veciños e ás administracións e entidades colaboradoras, coas que é imprescindible traballar da man para sacar proxectos adiante. E, por suposto, desde a Alcaldía estamos abertos a escoitar, corrixir e mellorar o que sexa necesario. O compromiso é seguir traballando con humildade, diálogo e responsabilidade, sempre.

 

Este artículo forma parte del Especial Fin de año, que publica Aquí Diario. Ver el especial completo aquí.

Comentarios