O alcalde de Trabada destaca a colaboración co tecido asociativo nun ano de máxima actividade, pon o foco nos proxectos sociais e de vivenda para combater o reto demográfico e avanza intervencións «en todas as parroquias» ao longo de 2026
Rubén García, alcalde de Trabada, analiza o impulso do tecido asociativo durante o último ano, así como os proxectos sociais e de vivenda cos que o concello busca facer fronte ao reto demográfico. O rexedor resume o escenario que se abre en 2026 como un ano «ambicioso, intenso e ilusionante», no que prevé novas actuacións e melloras nas oito parroquias.
– Este ano Trabada viviu un importante impulso do tecido asociativo, con novas entidades e unha ampla actividade. Que valoración fai o concello desta evolución?
– É moi positiva. O compromiso co tecido asociativo foi un dos puntos que quixen reforzar dende que cheguei á alcaldía. Unha importante implicación que estamos a facer dende o Concello de Trabada, que dá os seus froitos, xa que cada vez contamos con máis actividade organizada no noso concello. E incluso, para este ano, imos contar coa creación dunha asociación nova e coa reactivación doutra que non estaba a realizar actividades. Sempre destaco esa organización en conxunto tanto dende o concello como con diferentes asociacións de diferentes actividades durante todo o ano no noso concello.
«Cada vez contamos con máis actividade organizada no noso concello»
– Fáleme de novas asociacións que se van crear ou reactivar.
– A que se crea de novo é a Asociación de Cabaleiros de Trabada. A súa actividade vai enfocada ao mundo equino. Van colaborar tanto en diferentes datas que temos xa marcadas no noso calendario habitual, como é a Feira do San Marcos ou a Feira de San Fernando, ademais de organizar pola súa conta, coa colaboración do Concello de Trabada –como con todas as asociacións–, a primeira ruta cabalar do Concello de Trabada durante o mes de abril. E a asociación que, despois dunha tempada desde os anos da covid, vén de reactivar a súa actividade é a Asociación Cultural Os Tres Pés, que tamén está a desenvolver diferentes actividades na parroquia de Fornea para toda a veciñanza.
– Que papel xoga o Concello á hora de apoiar e coordinar estas asociacións para que poidan desenvolver o seu labor?
– Nos orzamentos de 2026, que vimos de aprobar a finais do mes de novembro, reflectimos ese aumento do apoio en canto a subvencións nominativas ás asociacións que realizan diferentes actividades durante todo o ano. O total que perciben é de 26.800 euros. Supón 3.100 euros para cada unha desas asociacións: Asociación Cultural O Veiguelo, Asociación San Xulián de Sante, Asociación Cultural O Picato, Motoclube A Cadeira de Trabada, Asociación Cultural Os Tres Pés, Asociación de Sendeirismo Trabada Paso a Paso, Asociación de Fútbol Sala Trabada Futsal e Asociación Cabaleiros de Trabada. Todas elas van contar cunha subvención nominativa de 3.100 euros, que xa poden solicitar dende este mes de xaneiro, con posibilidade de anticipo.
Tamén a Asociación de Voluntarios de Protección Civil contará cunha axuda de 2.000 euros, como cada ano.
A maiores, colaboramos con material, persoal municipal para montaxe ou desmontaxe e servimos de respaldo para que, se xorde algún percance, teñan a seguridade de que o concello está aí.
– Un dos temas que máis preocupa no rural é a conectividade. En que punto se atopa este problema en Trabada?
– É unha loita continua coa que levamos anos pelexando, con queixas tanto por escrito como por vía telefónica, loitando con esas grandes empresas encargadas das actuacións. Oxalá dependese do concello, porque xa estaría resolto hai tempo. Agora estase facendo a instalación de postes e o cableado da fibra, pero información oficial non temos, porque tampouco nola trasladan, malia reclamalas.
Nós seguimos insistindo para que se poña en marcha canto antes. Estou convencido de que vai ser un impulso clave na loita contra o reto demográfico. Xa hai veciños que adquiriron vivenda e están esperando pola fibra para asentarse e teletraballar desde aquí. Será tamén positivo para a venda de vivendas no concello. Eu mesmo estou esperando ansiosamente a que se poña en funcionamento.
– O Concello tamén está apostando pola creación de vivendas sociais, como as habilitadas nas antigas escolas. Que obxectivos persegue esta iniciativa?
– Loitar contra o reto demográfico, que é unha das grandes problemáticas dos concellos pequenos. Hai anos que apostamos polas reformas das antigas escolas das parroquias. Agora mesmo están habitadas as de Vilapercide, Trabadela, Sante e Vidal. E a de Balboa, recentemente reformada, prevemos que poida ser habitada en xaneiro.
Nas vindeiras semanas imos comezar o proxecto de reforma da escola de Vilapena, coa que remataríamos esta liña, porque outras como A Penela ou Vilardotote están dedicadas a asociacións, polo que non poden ser vivendas.
Ademais, imos poñer en marcha unha bolsa municipal de vivendas para que calquera persoa con inmoble baleiro poida adherilo. O concello fará a valoración do inmoble e, pouco a pouco, iremos adquirindo vivendas para sacalas en alugueiro social. Somos conscientes da problemática do alugueiro en todo o país, e ofrecer prezos entre 130 e 160 euros ao mes é unha oportunidade real para atraer poboación.
«A bolsa de vivendas permitirá ir adquirindo inmobles e sacalos en alugueiro social para atraer nova poboación»
– De cara ao próximo ano, cales serán as principais prioridades do Concello de Trabada?
– Levamos meses traballando nun proxecto moi ambicioso que imos presentar tanto na Xunta como no Goberno do Estado: a creación dun centro de acollida para mulleres e mulleres con nenos de colectivos máis desfavorecidos. O proxecto inclúe formación, adaptación ao territorio e apoio para incorporarse ao mercado laboral.
Todo isto está ligado ás vivendas: unha vez que a persoa estea integrada laboral e socialmente, poderá acceder ao alugueiro social, ocupando esas segundas vivendas que queremos adquirir e, se é necesario, reformar.
«Traballamos nun proxecto moi ambicioso: un centro de acollida para mulleres e mulleres con nenos de colectivos máis desfavorecidos»
– Que mensaxe lle gustaría trasladar aos veciños e veciñas de Trabada de cara ao novo ano?
– Présentase un ano ambicioso, ilusionante e intenso, tanto no ámbito social como no das melloras nas parroquias. Trabada conta con oito parroquias e a intención é actuar en todas elas, independentemente da súa poboación. Mellorar vías de comunicación, locais sociais e espazos onde se realizan actividades é esencial. En definitiva, seguir mellorando os servizos e as instalacións para unha veciñanza que hoxe conta con máis actividade ca nunca.
Este artículo forma parte del Especial Fin de año, que publica Aquí Diario. Puedes ver el especial completo aquí