Noela Feal: «A Trastenda de Nicomedes aposta pola artesanía, pola creatividade e pola inclusión»

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) - 2025-12-20T111323.131

O XI Mercado de Nadal A Trastenda de Nicomedes ten abertas as súas portas na planta baixa do Concello de Viveiro ata o 4 de xaneiro, con 16 postos que combinan artesanía local, novos creativos e iniciativas inclusivas. Este Nadal, ademais de compras únicas, o público poderá asistir a demostracións de oficio, talleres participativos e actuacións culturais, reforzando o carácter creativo e colectivo do mercadiño

O XI Mercado de Nadal A Trastenda de Nicomedes volve converter a planta baixa do Concello de Viveiro nun espazo de referencia para a artesanía e a creatividade ata o 4 de xaneiro. A inauguración tivo lugar onte venres, día 19 ás cinco da tarde. A partir deste momento, o mercado abre de maneira habitual en horario de once da mañá a dúas da tarde e de cinco a nove da noite.

Durante as datas sinaladas de Nadal haberá horarios especiais: o día 24 abrirá de once a dúas e de cinco a oito da tarde; o 31 manterá o horario de once a dúas e de cinco a sete; mentres que os días 25 de decembro e 1 de xaneiro o mercado poderá visitarse unicamente pola tarde, de seis a oito.

Este proxecto, consolidado no calendario do Nadal viveirense, constrúese ano tras ano “pensando nos artesáns, poñéndonos na súa pel e intentando facerlles a vida un pouco máis doada”, explica a súa coorganizadora Noela Feal que pertence á Asociación de Artesáns Proa de Viveiro.

Un dos sinais de identidade do mercado é a renovación constante. “Sempre procuramos traer novidades, aínda que tamén hai xente que vén desde sempre”, sinala Feal. Nesta edición, dos 16 postos participantes, aproximadamente a metade corresponden a novos proxectos, unha mestura que permite manter a fidelidade do público e ao mesmo tempo sorprender con propostas diferentes.

A selección dos participantes non é casual. “Está feita con moitísimo mimo e con moitísimo coidado de como é a produción destes creativos e artesáns. Buscamos variedade de oficios, proximidade e produtos quilómetro cero”, explica. Esta filosofía marca unha clara diferenza con respecto a outros mercados nos que predominan produtos de reventa. “Aquí visibilizamos artesáns e creativos da zona. Non traemos produtos dun gran almacén para revendelos, senón traballo feito a man, con identidade propia”.

Outro dos valores engadidos que destaca Noela Feal é o compromiso coa inclusión social e laboral. “É un punto extra que non teñen outros mercados”. Nesta edición participan proxectos como o Centro Ocupacional de Vilalba e a Fundación Eu Son de Burela, favorecendo a presenza de persoas con dificultades de inclusión laboral e dando visibilidade ao traballo que realizan durante todo o ano.

 

 

O mercado complétase cun amplo programa de actividades que reforzan o seu carácter cultural e participativo. O día da inauguración haberá unha demostración de oficio a cargo da artesá de fieltro María Monsalve e, ao longo dos días, celebraranse demostracións artísticas como un taller de bordado, un taller de confección de bonecas, unha demostración de decoración e pintado de unllas, a presentación dun libro e mesmo actuacións musicais.

Detrás de todo isto hai un intenso traballo de coordinación que comeza con meses de antelación. “O traballo arranca xa en setembro coa redacción das bases, para que os creativos poidan ter unha previsión de traballo a futuro”, explica Feal. Ademais, o formato de tenda efémera é clave para facilitar a participación. “Os artesáns non teñen que estar presentes os 16 días. Isto permítelles seguir producindo nos seus obradoiros ou acudir a outros mercados”.

Este modelo responde tamén a unha realidade económica. “Se tivésemos que esixir presenza continua, moitos non poderían vir: estarían 16 días fóra da casa, pagando hotel e manutención. Como tamén somos artesás, sabemos o que supón participar nestes mercados e tentamos facelo máis viable”.

Entre os principais retos de futuro, Noela Feal apunta á continuidade do proxecto, mantendo os valores que o fixeron medrar. Un mercado que, máis alá das vendas, busca apoiar a artesanía, darlle visibilidade e reivindicala como parte fundamental do comercio local. Durante o mercadiño, dúas empregadas e as dúas organizadoras encárganse de atender os 16 postos, garantindo o funcionamento diario dun espazo que xa é sinónimo de Nadal en Viveiro.

Comentarios