Baiuca: «Cada vez que teño vacacións, se podo, paso uns días pola Mariña»

NOTICIAS AQUI DIARIO (1200 x 675 px) - 2025-09-03T135258.816
photo_camera Alejandro Guillán, Baiuca, participa este xoves en Ultramar e o venres regresa ao escenario do Osa do Mar en Burela.
Alejandro Guillán (Baiuca) participa este xoves en Ultramar, a mostra de cinema de Burela, e o venres ás 22.55 horas volverá actuar no Osa do Mar co seu traballo Barullo, no que mestura tradición e vangarda electrónica coas visuais do cineasta burelés Adrián Canoura

Desde Barcelona, onde reside, Alejandro Guillán (Baiuca) atende á chamada antes de viaxar á Mariña para unha fin de semana intensa. Este xoves estará en Ultramar, na Casa da Cultura de Burela, ás 20.00 horas, coa proxección dun documental do burelés Adrián Canoura arredor da residencia artística que o músico desenvolveu en San Basilio de Palenque (Colombia). O venres, ás 22.55 horas, regresará ao escenario do Osa do Mar, festival no que xa actuou en anteriores edicións e co que mantén unha forte conexión persoal e artística.

Este xoves participas en Ultramar, a mostra de cinema de Burela. Que se vai proxectar?
Proxectarase o documental que fixo Adrián Canoura cando estivemos en Palenque, en Colombia.

 

No documental recóllese a túa xira en Colombia con Embruxo e a residencia creativa en San Basilio de Palenque?
Céntrase sobre todo na residencia que fixemos alí. Foron cinco días dunha experiencia incrible, nun lugar totalmente diferente ás nosas vidas habituais, compartindo con xente que vivía rodeada de música todo o día. Foi algo moi bonito.

 

Vas estar no coloquio posterior á proxección do documental?
Si, estarán tamén Xosé Lois Romero e Andrea Montero, que formaron parte daquela viaxe.

 

Mañá venres volverás ao Osa do Mar. Como recordas o primeiro concerto que tiveches no festival hai uns anos?
Foi un concerto algo atropelado, porque tocara nun pub pequeno ás tres da mañá e non era o mellor momento para despregar o meu show. Agora apetéceme moito poder chegar co formato completo de banda. Ademais, a través de Adrián Canoura teño unha conexión especial con Burela, e sempre que teño vacacións procuro pasar uns días na Mariña

 

Como valoras este tipo de festivais que poden ser unha oportunidade porque o cartel mestura músicos emerxentes con outros máis consolidados?
Paréceme bonito que o festival siga adiante despois de tantos anos. Eu estiven na primeira e na segunda edición. Na primeira toquei co grupo dun amigo, que me convidou a subir ao escenario, e Adrián xa se encargaba das visuais. Parte da miña relación artística con Canoura naceu aí.

 

Cambiou moito todo dende aquela?
Tiven tamén a oportunidade de ir a algunha edición que se facía no pobo, e os ambientes eran diferentes. O bonito é que cada ano reformulen o concepto do festival para animar á xente, porque ao final o que precisa un evento así é o apoio do público.

 

Que nos agarda este venres en Burela?
Traio Barullo, o meu terceiro disco, co espectáculo que estamos xirando. Estamos inmersos nunha xira que está indo moi ben, cunha proposta que engloba diferentes voces e con visuais de Adrián Canoura totalmente renovadas. Estou moi contento, tanto de como quedou o disco como da pesentación no directo. É un traballo máis electrónico, e iso axuda a que o concerto teña o baile moi presente. A idea do baile e do movemento sempre formou parte da miña música, e neste disco aínda máis.

 

«O torque de Burela e as imaxes da Mariña forman parte do meu directo»

 

Falando desa vinculación que tes con Burela: nun dos espectáculos visuais mesmo tiña cabida ese torque grande en 3D.
Exacto. Nalgúns temas aproveitamos para crear imaxes en 3D con símbolos da nosa cultura e tradicións, e a idea de poñer o torque de Burela foi marabillosa por parte de Adrián. A ligazón é coa Mariña en xeral: o videoclip de Veleno, un dos primeiros sinxelos de Embruxo, rodámolo entre Xove, Cervo e parte de Viveiro, se non lembro mal, e esas imaxes tamén forman parte do directo. Ademais, moitas das escenas do mar e dos barcos son de Burela. Todo ese material que achega Adrián Canoura conecta visualmente o proxecto coa Mariña.

 

Levas a túa música por diferentes países —Colombia, México, Países Baixos, Italia, Reino Unido, Francia ou Suíza, entre outros— participando en festivais de moito prestixio. Como se recibe esa fusión de tradición galega e vangarda electrónica?
Moitas veces estás amosando algo que fóra a xente descoñece, e iso xoga a favor: de repente estás diante dun público que pode coñecer a música latina ou africana, pero unha proposta galega resúltalles fascinante. Adoitan quedar impresionados e a conexión é moi boa. Ademais, sempre hai galegos en todos os concertos, mesmo en lugares inesperados. Recordo tocar en Quito, no volcán Ilaló, e tamén alí había galegos. Sempre están presentes polo mundo adiante. Esa mestura entre o público local, que descobre algo novo, e os galegos, que se emocionan ao escoitar a súa música, é algo moi bonito de vivir

 

 «En todos os concertos, mesmo nos lugares máis inesperados, sempre aparecen galegos»

 

En outubro viaxarás a Bos Aires. Como afrontas esa cita?
Si, o 10 de outubro. Será a primeira vez en Arxentina e vou con moita ilusión tamén de seguir visitando países, porque cada vez que saes tamén é unha inspiración, unha forma de ver e o que queres facer desde outro lugar do mundo. Iso sempre me resultou inspirador para logo volver con ideas. Non tanto pola música que se faga fóra, senón por verme lonxe da casa e pensar como podo volver con propostas novas para crear música.

 

Estás xa con algún novo proxecto? Por onde segue o son de Baiuca?
De momento nada reseñable. O ano pasado fixen a banda sonora dunha serie para Netflix, que sairá proximamente. Teño ideas, proxectos que están na miña cabeza, pero aínda nada que se poida contar. Teño ilusión de, agora no outono, sentarme no estudo despois de todo o verán e poñerme a traballar.

 

Que tal foi o verán?
Moi ben, xirando. As xiras son nas fins de semana, e durante a semana estou traballando en ideas e dándolle voltas a novos conceptos.

 

 «Para min, en Baiuca, Galicia vai estar sempre presente»

 

Galicia sempre vai estar presente nos teus novos proxectos? No último álbum a tradición parece menos evidente…
Depende de como se vexa. Se comparas coa miña traxectoria, é certo que no último disco a parte de percusións tradicionais non é tan obvia. Están máis integradas nunha idea de levar a electrónica un paso máis adiante. Non hai tantas voces puramente tradicionais, senón máis ben melodías tradicionais con voces que ás veces son máis pop. Entón si, hai cambios, pero a miña intención é que Galicia estea sempre presente. O de depende como se vexa, dicíao no sentido de que depende de con que o compares: hai xente que fai rock ou pop en castelán e inclúe unha soa canción en galego, e xa parece que hai moita música galega. No meu caso, cando tes un proxecto no que Galicia está sempre aí, se reduces un pouco a parte máis tradicional pode dar a impresión de que xa non fas o mesmo. Pero para min, en Baiuca, Galicia vai estar sempre presente.

Comentarios