Carmen Cruzado, presidenta de Acisa: «O Ribadeo Indiano supón un impacto económico de tres millóns de euros»

carmen cruzado

A presidenta da Asociación de Comerciantes, Industriais, Servizos e Autónomos de Ribadeo —ACISA— destaca o impacto económico e social do Ribadeo Indiano, unha celebración que atrae a milleiros de visitantes cada verán e que mobiliza a hostalaría, o comercio e a cultura da vila. Nesta entrevista, detállanse as novidades da edición 2025, o papel das entidades locais e a importancia de manter viva esta tradición que honra a pegada da emigración

Como repercute o Ribadeo Indiano nos negocios do municipio? 
Para a maioría dos negocios de hostalaría é a fin de semana de máis facturación do ano, para outros unha das máis importantes. Moitos restaurantes hai meses que xa teñen completos os seus comedores. Hai moita xente que reserva dun ano para outro. Ribadeo recibe a milleiros de visitantes durante tres días, que enchen os mesóns, bares e restaurantes deste concello, pero tamén de moitos de toda a contorna, tanto da Mariña como do Occidente asturiano. O Ribadeo Indiano é tamén importante para o comercio, onde podemos atopar todo o que precisamos para ataviarnos e retornar a esa época; as modistas non dan feito… O impacto económico é moi importante. Sitúase, segundo os datos que manexa a organización, nuns 3 millóns de euros.

Como se presenta esta nova edición por parte de Acisa? Que papel xogades na organización do evento?
Acisa leva 10 anos na coorganización xunto ao Concello de Ribadeo. Apostamos por un evento que é moi importante para o tecido empresarial e para a veciñanza. Aquí gozan desta cita desde os máis pequerrechos da casa ata os maiores de 90 anos. Hai un amplo programa pensado para todos os públicos, que se vive na rúa desde o venres ata o domingo pola noite. Acisa, económicamente falando, sempre fai achegas importantes para esta celebración na medida das nosas posibilidades, porque somos unha asociación que organiza máis de 50 actividades ao longo do ano para as súas asociadas e asociados e para contribuír á dinamización económica de Ribadeo. Neste 2025 entre fondos propios e a subvención que recibimos da Vicepresidencia da Deputación de Lugo para o Ribadeo Indiano estamos a falar de preto de 45.000 euros. Iso supón, entre outras cousas, 15.000 vasos conmemorativos, 14.000 bolsas para o comercio, o sorteo dunha viaxe a México para dúas persoas, 20.000 metros de decoración polas rúas e espazos públicos de Ribadeo e 1.000 faroliños, decoración dos negocios asociados, actuacións musicais e actividades de ocio infantil e xuvenil, así como promoción e publicidade.

Como foi a planificación desta edición e que novidades trae consigo?
O Ribadeo Indiano implica moitas horas de traballo e moita dedicación. Son meses de xuntanzas, de cambio de impresións, de chamadas… Hai un gran traballo detrás ao que temos que engadir que a vila durante días muda de aspecto: hai que instalar escenarios, cortar rúas, facer cambios no tráfico, habilitar zonas de aparcamento, saídas de emerxencia, etc… Nesta edición unha das novidades será a instalación de baños públicos en Rosalía de Castro e a carón do Parque de San Francisco. Todas esas cousas hai que prevelas e planificalas e supoñen un gran traballo, que lle hai que agradecer a todas as persoas e colectivos implicados que se empregan a fondo para que todo funcione. E outra das novidades é que, tras catro edicións nas que sorteamos unha viaxe a Cuba para dúas persoas, este ano cambiamos de país e a parella afortunada pasará sete días en México, na Riviera Maya.

Como definirías ou explicarías que é o Ribadeo Indiano para aquelas persoas que non saiban do que estamos a falar? 
O Ribadeo Indiano é un evento histórico cultural que rende homenaxe a aquelas persoas que un día partiron desta terra rumbo ás Américas na busca dun futuro mellor. Alí traballaron duramente durante anos. A moitos foilles ben e decidiron retornar. A súa pegada está na arquitectura que podemos ver nas casas indianas da rúa San Roque ou nas de parroquias como A Devesa ou Rinlo. Houbo filántropos como Ramón González, ao que este ano dedicamos o Ribadeo Indiano, que fixeron achegas económicas para a construción da Praza de Abastos, do Cine Teatro ou da Orden Terceira. Pero houbo máis que puxeron cartos para levantar cemiterios ou canalizacións de auga, por poñer so uns exemplos. O Ribadeo Indiano rende homenaxe á nosa emigración.

Como notades a acollida por parte dos comerciantes e como se preparan para o evento?
A acollida, como comentaba ao inicio desta entrevista, é moi boa. No comercio de Ribadeo podemos atopar todo o que precisamos para converternos en auténticas indianas e indianos: sombreiros, puchas, traxes, vestidos, abanicos, guayaberas, calzado, maletas ou bolsos. Esta festa é un auténtico reclamo e todos os anos hai que lucir algunha novidade. Si a iso lle engadimos que decoran os seus establecementos e que se visten para a ocasión, podemos dicir que a implicación é total.

Qué papel xogan os comercios locais na ambientación e no espírito da festa?  
En Ribadeo hai semanas que se respira ambiente indiano. Os comercios visten os seus escaparates para a ocasión. Non hai máis que darse unha volta para ver cómo están decorados. E logo a fin de semana propia, do 11 ao 13 de xullo, veremos preciosos photocalls que montan moitos negocios diante das súas portas e escaparates con mobles antigos, con hortensias… que son un auténtico reclamo para ribadenses e visitantes. Todos queremos facer unha foto de recordo neses belos recunchos.

Cal cres que é o maior reto que supón para Acisa participar no Ribadeo Indiano?
O maior reto para Acisa, dentro da organización do Ribadeo Indiano, é que esta cita non perda a súa esencia histórico cultural, que todos saibamos a onde foron os nosos antepasados, de onde vimos e cara onde vamos. Que desde nenas e nenos todos os ribadenses se empapen da cultura e das tradicións e que saiban da importancia e da pegada que a emigración deixou en Ribadeo. E, como consecuencia, que reflexionemos e respectemos aos que desde hai anos chegaron a esta terra na busca dun futuro mellor, ao igual que o fixemos nós a finais do século XIX e principios do XX.

Dende Acisa, que valoración facedes da evolución desta festa ao longo dos anos?
A valoración é moi positiva. O Ribadeo Indiano foi de menos a máis en moi pouco tempo. O evento cumpre 10 anos neste 2025, sobreviviu a unha pandemia e é un dos referentes tanto no Cantábrico como no resto do país. Ninguén entende xa o verán deste concello sen o Ribadeo Indiano. Entre todos temos que coidalo e mimalo para que así siga durante moitos anos máis polo que supón para a nosa cultura e para a dinamización económica deste municipio.

Comentarios