Cal é o papel da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación no Ribadeo Indiano deste ano? En que consiste a colaboración co evento?
Desde a Vicepresidencia da Deputación, vimos colaborando coa organización todos os anos con distintas fórmulas. Nesta décima edición, o apoio canalízase a través dun convenio excepcional con ACISA, coorganizadora do Ribadeo Indiano xunto ao Concello de Ribadeo. Falamos dun evento consolidado, cunhas bases moi firmes polo traballo realizado ao longo destes dez anos, polo que a colaboración se centra no financiamento das actividades que, con total autonomía, define a organización.
O convenio con ACISA supón unha achega de 23.000 euros. Que tipo de actividades se impulsan directamente grazas a esta colaboración institucional?
O convenio financia as actividades ligadas á ambientación das rúas, prazas e negocios. As rúas de Ribadeo transfórmanse neses días con distintos elementos decorativos que recrean o aspecto dunha cidade americana de comezos do século XX e configuran esas imaxes tan características e recoñecibles do Ribadeo Indiano.
Tamén se dá cobertura económica a outras accións promovidas por ACISA como o sorteo da viaxe que se celebra coincidindo co último día do Ribadeo Indiano e que desperta todos os anos unha gran expectación, ademais de dinamizar a hostelería e o comercio local co reparto dos billetes desde un mes antes. Este ano será unha viaxe a México, un dos países que acolleu a emigración galega a América.
A colaboración con Acisa financia ademais actuacións musicais na rúa e actividades lúdicas como a xincana indiana ou os xogos tradicionais, que son tamén propostas fixas na axenda do Indiano.
A programación tamén inclúe actividades como a xincana indiana ou os xogos tradicionais. Que se busca con estas propostas lúdicas e divulgativas?
Son actividades que conxugan moi ben entretemento e divulgación. No caso da xincana, unha pequena lección de historia local e arquitectura indiana que contribúe a coñecermos mellor o patrimonio máis próximo. Os xogos tradicionais contribúen a esa viaxe no tempo que propón o Ribadeo Indiano, evocando a dimensión máis lúdica da sociedade dos anos 20.
Desde a Vicepresidencia tamén estades a apoiar iniciativas que recuperan figuras da emigración, como o documental sobre O Vello Pancho…
Si, “O Vello Pancho, de Ribadeo ao Plata”. É un proxecto audiovisual dirixido por Xan Leira, que afonda na figura do Vello Pancho a partir do arquivo da familia de Alonso y Trelles que conserva Pablo Rodríguez “Vivín”. Estreouse aquí en Ribadeo en setembro pasado, coindindo co centenario do falecemento do Vello Pancho, e proxectouse desde aquela noutros espazos culturais da Mariña e da provincia.
Consideras que este tipo de proxectos son unha ferramenta útil para achegar a historia da emigración á veciñanza?
O audiovisual sobre o Vello Pancho ten precisamente ese propósito divulgativo. É froito dunha investigación sobre a súa vida e a súa obra, que fala tamén do contexto social, cultural e económico da emigración a América coa intervención de múltiples voces expertas.
A emigración é un fenómeno estudado, pero ese coñecemento ten que transferirse á sociedade e niso os proxectos culturais teñen un papel fundamental porque permiten chegar a públicos amplos, fóra dos ámbitos académicos ou máis especializados.
Como valoras o papel da cultura como motor de cohesión social e dinamización turística a través de eventos coma os que colaborades?
Gran parte da actividade da area de Cultura, tamen da de Mocidade, céntrase na colaboracion con asociacions culturais e veciñais, en xeral colectivos que traballan na dinamización cultural e social por todo o territorio da provincia. Cremos que é importante fortalecer esas redes de participación, porque unha sociedade pendente dos proxectos colectivos e orgullosa da súa identidade ten sempre máis posibilidades de acertar en calquera ámbito. Como acertou Ribadeo apostando pola súa historia e polo seu patrimonio para crear o Ribadeo Indiano, que ten sona e recoñecemento en toda Galiza e fóra.
Dani García, deputado de Mocidade: «O Ribadeo Indiano é un exemplo de como a cultura pode fortalecer identidade, cohesión e economía local»
O responsábel da área de Cultura da Vicepresidencia da Deputación de Lugo destaca o apoio institucional á décima edición do Ribadeo Indiano a través dun convenio excepcional con ACISA. A achega de 23.000 euros permite impulsar accións que recrean a estética indiana nas rúas, animación musical, xogos tradicionais ou o sorteo dunha viaxe a México. García salienta tamén o valor de proxectos divulgativos como o documental sobre O Vello Pancho para achegar a memoria da emigración á veciñanza