Foz non se entende sen o mar, nin sen as súas festas. Suso Castiñeira leva toda a vida ligado a ambas cousas. Foi un dos responsables das festas de San Lourenzo durante máis dunha década e, hoxe, como presidente da Confraría do Mar, segue a defender as tradicións e a memoria mariñeira da vila.
-Ti que coñeces Foz de toda a vida, como definirías o verán focego?
O verán de Foz divídese no turismo de xullo e no turismo de agosto. E é totalmente diferente. Ao igual que as festas. En xullo temos as festas do Carme; ademais, teño a honra de ser o presidente da Confraría do Mar de Foz, que organiza o Carme. O San Lourenzo, que ultimamente tivo un pequeno baixón, porque parece que colleu un pouco máis de auxe o Carme. Pero en Foz débeselle moito ás festas de San Lourenzo, porque o día 10 baixaba xente de toda a provincia e de varios puntos de Galicia.
-Formaches parte da comisión das Festas de San Lourenzo durante moitos anos. Como recordas aquela etapa? Era un traballo agradecido por parte da xente?
Levei as festas de San Lourenzo durante 14 anos e algún ano máis de xeito alternativo. Era un traballo difícil porque íamos porta por porta. Recordo que tiñamos unha asociación que se chamaba Rente ao Mar, que presidía Jaime Cancio. Éramos 15 persoas moi traballadoras, que percorriamos todo o pobo e lle demos un auxe moi grande ao San Lourenzo. Aínda viñeron grandes atraccións e, sobre todo, as mellores orquestras de Galicia.
-Se miramos as festas de antes e as de agora, que diferenzas ves?
Noto que agora xa apenas hai comisión de festas, porque é moi difícil. As esixencias son máis complicadas, como a responsabilidade civil, os permisos…
-Tamén estás moi vencellado á Procesión do Carme. Que significa para a xente do mar esta celebración?
Para a xente do mar vivímola dunha maneira especial. Este ano foi máis especial se cabe, porque lembramos o 80 aniversario do Nazareno, que foi o afundimento dun barco e a traxedia máis grande que viviu o noso pobo. Houbo 12 náufragos, 12 viúvas e 24 orfos, e foi no ano 1945. Ademais, aínda hai familiares de primeiro grao, como os fillos e os netos. E está moi ligada ao pobo, porque daquela, no 1945, eramos todos familia.
-Como veciño e desde a presidencia da Confraría, como ves a situación actual do porto e do sector mariñeiro?
O sector mariñeiro está prácticamente abandonado. Na miña época, cando empecei no ano 1971, había uns 14 barcos de cabotaxe que ían ao bonito e á anchoa. Había tamén 3 ou 4 que se dedicaban ao cerco e arredor de 40 que andaban á pesca máis próxima de aquí.
Daquela aínda se podía entrar e saír do porto con marea, pero agora o que temos é un banco de area. O que nos queda son dúas lanchas e dúas traíñas que teñen que facer vida en Burela, e catro embarcacións deportivas que saen cando poden.
Aquí xa non hai barcos, pero segundo me comentan, hai moita xente de Cabo Verde e doutros puntos de Latinoamérica traballando no mar. Sen esa xente sería imposible que moitos barcos puidesen seguir navegando.