«Pasaporte a Ormuz sen saír da Mariña Lucense», artigo de opinión de Iago Lombardía Sanjulián
Xa pasaron unhos 5.000 anos desde a Idade de Pedra, pero o ser humano segue dependendo do mesmo: os recursos naturais. As enerxías renovables avanzaron considerablemente desde principios dos anos 2000, chegando a converterse nun verdadeiro sector económico que emprega a milleiros de persoas. Non obstante, atopámonos aínda nun momento de transición cara a estas enerxías e a nosa dependencia dos combustibles fósiles tradicionais segue sendo estrutural. Estes son o carbón, o petróleo e o gas natural.
De Nova York a Alfoz, ou de Ribadeo a Hong Kong, a subida de prezos destes elementos, e tamén dos seus derivados, repercutiu na nosa actividade diaria. Non é unha percepción, senón unha realidade medible. Todo isto tradúcese nun encarecemento dos procesos produtivos, inflación, incerteza e contracción dos investimentos polo medo ao que poida ocorrer.
A nosa terra, A Mariña, non permanece allea a isto. A planta de Alcoa é un dos tantos axentes prexudicados polo prezo da electricidade, que chegou a aumentar un 59,5 % respecto do prezo anterior ao inicio do conflito de Irán. Ademais, lembremos que esta planta é unha industria electrointensiva, polo que necesita un elevadísimo abastecemento de electricidade para funcionar axeitadamente.
Algo similar ocorre no noso sector pesqueiro, tan importante para portos como o de Burela ou Celeiro, líderes en Galicia polo seu volume de capturas, onde o combustible pode chegar a representar máis do 40 % dos custos operativos. Do mesmo xeito, vense afectados moitos outros sectores da nosa comarca.
O 20 de marzo, o Consello de Ministros de España aprobou un real decreto lei para paliar os efectos negativos que está a sufrir a nosa economía a raíz da xa denominada “Guerra de Irán” (ante este nome, resúltame inevitable preguntarme: “Nalgún momento da nosa historia recente non houbo guerra en Irán?”).
Segundo as declaracións do Goberno, estas 70 medidas superarán os 5.000 millóns de euros e beneficiarán a 20 millóns de fogares e 3 millóns de empresas en España.
Ao referírmonos a este contexto, non podo evitar lembrar un recente anuncio da Xunta de Galicia, no que informaba de que a Comisión Europea identificara en Galicia 18 dos 35 minerais ou elementos naturais considerados estratéxicos para a Unión Europea. Estímase que o valor dos mesmos podería situarse entre os 25.000 e os 45.000 millóns de euros. Sen dúbida, toda unha xanela de oportunidades para Europa desde a nosa terra galega.
En conclusión, vemos como o mundo cambia a pasos axigantados e como, cando as cousas non van ben, emerxe unha curiosa paradoxa: falamos de intelixencia artificial, desenvolvemos tecnoloxía aeroespacial e mesmo os máis atrevidos experimentan para acadar a vida eterna a través da investigación máis punteira en medicina, pero seguimos declarando guerras e lanzando mísiles por algo tan primario como os recursos que a natureza nos deu.