As festas patronais de Viveiro celebráronse esta pasada fin de semana e agora chega a Romaría do Naseiro, outra das grandes citas do calendario local, declarada de Interese Turístico. O tenente de alcaldesa e edil de Facenda, Martín Vale, fai balance das celebracións xa vividas e analiza a importancia dunha romaría que cada ano reúne a milleiros de persoas.
— Que valoración fai das festas patronais de Viveiro?
— Foron unhas festas que fannos sentir orgullosos de ser de Viveiro. A comisión conseguiu recuperar ese sentimento de orgullo e de pertenza, situando as celebracións á altura do que merece a localidade.
— Foron as primeiras que viviu desde o goberno. Percíbense de maneira diferente?
— Si, coa responsabilidade que implica estar no goberno, pero ao mesmo tempo desfrutando na medida do posible.
— Sen apenas descanso, comeza xa O Naseiro. Como se vive esta romaría en Viveiro?
— É unha celebración profundamente enraizada, moi representativa da identidade dos viveirenses. Vívese como un momento esperado do ano, no que as pandillas se xuntan para desfrutar en compañía dos amigos e da familia, duns días especiais e tamén como colofón ao verán, como despedida.
— A romaría tamén rexistra unha asistencia moi numerosa…
— É unha cita á que cada ano acode moita xente, con perfís distintos de persoas, e que teñen como referencia vivir esta romaría en Viveiro, ano tras ano.
— Que balance fai deste verán no conxunto de Viveiro?
— O balance é moi positivo. Tanto as feiras de Artesanía e do Libro, a Mostra folklórica, os concertos, as actividades previas aos días grandes e as propias festas patronais fixeron posible que moitas persoas se achegasen a Viveiro. A meteoroloxía acompañou e todo se puido desenvolver con normalidade. Viveiro é un lugar acolledor, e a xente pode desfrutar dun verán con alternativas de ocio para diferentes perfís.
— A nova comisión organizadora do Naseiro tamén asume un reto importante.
— No escenario actual, organizar calquera tipo de evento, merece o respecto de calquera persoa. Asumir esa responsabilidade implica moito sacrificio persoal para sacala adiante. Teñen o apoio total do Concello para que esta festa tradicional do noso municipio continúe.
— Como edil de Facenda, tamén aprobaron os orzamentos este verán. Foi un proceso complexo?
— Valoro moi positivamente o apoio que recibimos para sacalos adiante. Era un orzamento complicado porque herdamos unha situación económica difícil, con desfase orzamentario. Con responsabilidade tivemos que facer moitos encaixes e, nalgúns casos, dicir que non, o que é moi difícil, pero por responsabilidade temos que facelo.