A moeda local de Ribadeo volve estar en circulación coa sétima edición da campaña da Pancha, promovida polo Concello, en colaboración coa Xunta e ACISA, para incentivar o consumo e fortalecer a economía da vila. Carmen Cruzado, presidenta da asociación, destaca que esta proposta é xa unha cita esperada tanto pola veciñanza como polos establecementos participantes
– Chegamos á sétima edición da Pancha. Que valoración fan os comerciantes despois da experiencia acumulada nestes anos?
– O balance é positivo polo que supón para a dinamización do sector e da economía local. Se chegamos á sétima edición da Pancha, iso quere dicir que a campaña funciona.
– Podemos afirmar que a Pancha é xa unha das campañas máis valoradas polo comercio de Ribadeo? Que elementos a distinguen doutras iniciativas de dinamización?
– É unha campaña agardada e valorada pola clientela e tamén polos negocios locais. Por trinta euros sabes que contas con corenta panchas para gastar nos locais participantes. Esa é a distinción principal e que Ribadeo conte cunha moeda local en circulación, a Pancha, durante o período no que se realiza a campaña.
«Se chegamos á sétima edición da Pancha, iso quere dicir que a campaña funciona».
– Ribadeo é actualmente a única localidade da provincia que mantén activa unha moeda local deste tipo?
– Coido que si. Cando se puxo en marcha a iniciativa, seguro, e penso que segue sendo así. Contamos cunha moeda propia, que contribúe a facer máis atractiva esta campaña.
– A transición do formato papel ao dixital facilitou o uso da Pancha tanto para os comercios como para os clientes?
– Creo que é moito máis sinxelo e áxil para todos: para a clientela e tamén para os negocios adheridos. É certo que ao principio, sobre todo para a xente de máis idade, viuse con algo de reticencia, pero unha vez superada esa fase é moito máis cómodo para todos. De todas formas, tanto desde ACISA como desde o Concello prestamos axuda e colaboración a aquelas persoas ou negocios que teñan algunha dificultade para descargar a aplicación ou para ensinarlles como poden facer.
– En termos económicos, que repercusión directa está a ter no comercio local?
– Hai moita xente, moitos clientes, que están agardando pola Pancha para facer compras necesarias nesta época do ano, por exemplo roupa de tempada para nenos e adultos, calzado, agasallos para o Nadal… iso falando do comercio. E no caso da hostalería, as comidas e ceas de Nadal son un reclamo tamén para usar a Pancha. A moeda local de Ribadeo dinamiza o comercio, a hostalería, en definitiva a economía local. Cando por 30 euros contas con 40 panchas podes permitirte sempre algún capricho, a maiores daquilo que realmente precises.
«A moeda local de Ribadeo dinamiza o comercio, a hostalería, en definitiva a economía local».
– Detectan que a Pancha está a contribuír a atraer compradores doutras localidades ou a consolidar a fidelidade da clientela habitual?
– A Pancha, sobre todo, consolida a fidelidade da clientela habitual dos negocios de Ribadeo. Todos e todas sabemos o que é a Pancha e todos e todas agardamos a súa chegada nesta vila e na súa contorna. Ribadeo ten un comercio e unha hostalería que son referentes, e a xente doutras localidades da Mariña lucense e do Occidente asturiano, clientes de sempre, tamén aproveitan esta oportunidade, así como persoas chegadas doutros puntos da provincia de Lugo ou de provincias limítrofes, que se senten atraídas por esta campaña.
– Hai sectores específicos —como hostalería, moda ou alimentación— nos que se note con maior intensidade o impacto desta campaña?
– O comercio, en liñas xerais, é o sector no que máis se emprega e se nota a Pancha. Pero a moeda local de Ribadeo ten impacto en todos os negocios adheridos, sexan do sector que sexan. Cada un bota man desta campaña para aquilo que máis precisa.
– Que outras accións ou campañas prevé impulsar ACISA para complementar os efectos da Pancha no que queda de ano?
– En ACISA traballamos xa de cheo pensando no Nadal. A Festa do Comercio é a campaña máis importante que imos desenvolver e que durante o mes de decembro coincidirá coa Pancha. Será un novo aliciente para mercar e consumir en Ribadeo, neste caso nos locais asociados a ACISA, porque imos repartir premios moi importantes.