O Bonito de Burela, emblema da vila e protagonista nos Premios Aquí Diario

Burela Bonito Imagen de la web del Concello de Burela
photo_camera Imagen de la web del Concello de Burela
O bonito de Burela vén de ser distinguido co Premio ao Produto Local de A Mariña, un dos galardóns dos Premios Aquí Diario que recoñece o valor deste rico manxar. Para coñecer mellor o significado deste recoñecemento, falamos con Carmela López, quen representa a voz dunha vila fondamente unida ao mar
O Premio ao Produto Local de A Mariña dos Premios Aquí Diario pon en primeiro plano un símbolo esencial de Burela: o Bonito e todo o que representa para a súa economía, o seu tecido social e a súa identidade mariñeira. Desde a lonxa até as familias que viviron sempre ao ritmo da costera, todo un pobo participa dun legado que se transmite de xeración en xeración.

- Que significa para Burela recibir este premio polo Bonito?
É un orgullo enorme. É recoñecer o traballo das nosas tripulacións e de toda a xente que aquí en terra —lonxa, exportadores e empresas do sector— fan posible que o Bonito de Burela chegue tan lonxe. É un premio á nosa maneira de facer as cousas.

- Que papel xoga o Bonito na identidade de Burela?
O Bonito é parte da nosa alma. Marca o calendario, a vida das familias mariñeiras e define o carácter de Burela: unha vila traballadora, comprometida e orgullosa das súas raíces.

- Que fai tan especial o Bonito de Burela?
O xeito de pescalo. Un a un, cunha arte selectiva e sostible que garante calidade, frescura e respecto pola fauna mariña.
Tamén o diferencia o prestixio do noso porto, un dos grandes portos boniteiros do país, e o saber facer de todo o sector burelés.

- Como se transmite a tradición do Bonito de xeración en xeración na vila?
Transmítese no porto, nas familias e co exemplo dos maiores. En Burela o Bonito vívese: na Feira do Bonito, no Barco Museo, na Moncloa, na Fundación Expomar e no traballo diario de toda a nosa xente do mar —a Cofradía, ABSA, os exportadores, os redeiros e redeiras, as estibadoras, a OPP-7, os estaleiros, etc.—.
É un legado que nos acompaña desde a infancia.

- Que lle dirías á xente que non coñece a importancia deste produto na comarca?
Diríalles que veñan a Burela, que visiten o Barco Museo Boniteiro, que pasen pola nosa lonxa e que desfruten da nosa hostalaría para probar o Bonito en tempada.

Cando coñeces o proceso, o esforzo e a historia que hai detrás, entendes que aquí o Bonito é moito máis ca un peixe: é identidade, economía local e orgullo de vila.

Comentarios