Nado en Ribadeo, Fabián leva a súa terra no corazón e na voz. Ao longo da súa carreira profesional, non só destacou polo seu traballo en medios de comunicación, senón tamén por poñer en valor a historia, a cultura e os recursos da Mariña.
- Que significa para ti recibir o premio como Embaixador da Mariña?
Pois imaxínate. Cando me enterei de que eu era o premiado non mo cría porque teño a sorte de ser dunha marabillosa comarca repleta de persoas que merecen este galardón. Son da Mariña porque son de Ribadeo. E un non elixe onde nace, pero si elixe onde quere pertencer e eu, estea onde estea, serei mariñán toda a miña vida. Estou moi honrado de que os meus veciños agradezan a difusión que fago da nosa terra e decidisen que son digno de ser considerado un ‘embaixador’. Asumo esta encomenda con moita ledicia e responsabilidade.
- Levas A Mariña a todos lados. Que significa para ti representar a comarca alí onde vas?
É un orgullo inmenso ir pola vida dicindo que son da Mariña. Porque, no momento no que eu digo ‘Ribadeo’, o interlocutor ubícase rápido. Pero, se non o fai, bastan nomes coma ‘Viveiro’, ‘Mondoñedo’ ou ‘As Catedrais’ para acabar escoitando como a outra parte recorda que estivo na ‘Maruxaina’, se bañou no mar de praias de Barreiros, probou as fabas de Lourenzá e a merluza de Burela ou ten na súa casa cerámica de Sargadelos. E podería seguir porque, cando representas a un lugar que ofrece tanto, as palabras saen soas.
- O feito de marchar a traballar e estudar fóra, cres que che fixo valorar máis a túa terra? E como cambiou a túa perspectiva sobre a identidade e a cultura da Mariña?
Viaxar e coñecer outros lugares sempre ofrece moita perspectiva. Eu sempre valorei o meu Ribadeo, a miña Mariña e o meu Occidente, e está claro que marchar lonxe fainos ver con maior nitidez, se cabe, que o lugar onde creciches é un paraíso. Ademais, a medida que un vai estudando, viaxando e comparando, descobre que A Mariña ten, como acontece en moitos lugares de España, unha conta pendente coa reivindicación do seu valor. Unha eiva institucional e social ante a que, por fortuna, se está a traballar cada vez máis e mellor dende as administracións e dende o tecido social. O cal é unha esperanzadora ledicia.
- Que aspectos da Mariña destacarías para quen aínda non a coñece?
A súa historia, con todo o que iso comporta. Temos evidencia de pegadas prehistóricas, por non falar da multitude de asentamentos castrexos ou da herdanza medieval que atopamos en cascos históricos e recunchos rurais. Somos berce de metais preciosos, tesouros do mar e grandes guerreiros. Herdanza de portos baleeiros, abrigo milenario das máis diversas frotas. Fogar de célebres literatos, músicos e gardiáns de celibato. Terra de artes. E de emigrantes. Acceso norte de Galicia, ventá directa con Asturias. É matemáticamente imposible que, con todos estes ingredientes, alguén poida resistir o magnetismo destes pouco máis de mil seiscentos quilómetros cadrados.
- O teu traballo dache un altavoz moi grande como xornalista. Como utilizas esa visibilidade para dar a coñecer e poñer en valor á Mariña?
É certo. Teño o privilexio de traballar nun lugar marabilloso como é Todo es mentira, no que un se pode tomar a licenza de introducir unha alusión á nosa querida Mariña no momento menos pensado. De feito, tanto Risto Mejide coma os meus compañeiros saben á perfección que son de Ribadeo e xa van varias veces que me preguntan en directo pola miña vila. Ademais, procuro estar enterado do que acontece na comarca para propoñer temas en clave mariñá para tratar no programa ou compartilos con compañeiros de informativos ou doutros espazos. Non sempre se consegue pero, intentar, inténtase.
- Se che digo Ribadeo, recordas algún momento ou anécdota que che marcara e que reflicta o especial que é para ti?
Para min, foi moi especial poder dar o pregón das Festas da Patroa en 2019 diante dun Teatro realmente ateigado; con persoas que ían dende os meus seres queridos e veciños até xente que se achegaba para coñecerme por primeira vez e ter unhas palabras de agarimo comigo. Fixen o pregón como me saiu de dentro, arroupado por xente que estaba a demostrar o seu amor por min e, tamén, polos meus pais. Na vida soñara cun momento coma ese. Endexamais o esquecerei.