Miguel Paz, presidente da Asociación organizadora das San Lucas de Mondoñedo, distinguida como Mellor Feira ou Evento da Mariña: «Este premio é o recoñecemento dun traballo compartido»

2025100617532719552 (1)
O presidente da Asociación As San Lucas de Mondoñedo valora o galardón de Aquí Diario 2025 e reivindica unha feira que define a identidade de Mondoñedo, da Mariña e de Galicia.

As San Lucas de Mondoñedo veñen de ser distinguidas como Mellor Feira ou Evento nos Premios Aquí Diario 2025, un recoñecemento ao peso histórico, cultural e social dunha celebración que leva séculos unindo á cidade e á comarca. O presidente da Asociación As San Lucas, Miguel Paz, destaca que o mérito é colectivo e que detrás da feira hai unha implicación constante de gandeiros, voluntariado, servizos de seguridade e traballadores municipais. Avanza tamén que xa están a preparar unha edición especial de cara ao 870 aniversario, que se celebrará en 2026.

—  As San Lucas de Mondoñedo acaban de ser recoñecidas como Mellor Feira ou Evento nos Premios Aquí Diario 2025, uns galardóns que distinguen a identidade da Mariña. As San Lucas son parte da identidade da Mariña, de Galicia e mesmo recoñecidas fóra das nosas fronteiras. Que representan, ao seu xuízo, estas festas para Mondoñedo? E que significan para A Mariña?
—  As San Lucas representan o que somos: historia, identidade e un sentimento que compartimos todas e todos as e os mindonienses. Para Mondoñedo son parte da súa alma, unha feira que nos acompaña dende hai séculos. E para toda A Mariña son un símbolo querido e recoñecido, unha celebración que nos une e que tamén nos identifica fóra das nosas fronteiras. Ademais, a chegada de miles de persoas fai que eses días teñan un impacto moi positivo na actividade económica da zona e da comarca.

«As San Lucas representan o que somos: historia, identidade e un sentimento que compartimos todas e todos as e os mindonienses»

— Como presidente da Asociación As San Lucas, organizadora da festa, como valora vostede este premio?
— Para min este premio é, sobre todo, o recoñecemento dun traballo compartido, é un premio de todo Mondoñedo. E tamén é o premio de toda esa xente que, ao longo dos anos, mantivo viva a feira e fixo posible que chegase ata nós; tamén daqueles que xa non están, pero que foron parte fundamental deste camiño. Ao mesmo tempo, é un recoñecemento ao presente: gandeiros e gandeiras, feirantes, criadores, voluntarios e voluntarias, ás forzas de seguridade, traballadores e traballadoras do Concello.... que están antes, durante e despois para que todo funcione. En definitiva, é un premio a un pobo enteiro e á tradición que representa, porque As San Lucas non só representan a identidade de Mondoñedo: representan tamén a identidade dun país.

— Que significa para vostede presidir a asociación responsable dunha celebración cunha identidade tan forte e tan ligada á historia de Mondoñedo?

— Para min é unha honra e un orgullo enorme. A verdade é que ás veces nin sei explicalo con palabras. Eu son o presidente, si, pero isto é algo que se fai entre moitas persoas durante todo o ano e por iso digo que é unha honra ser presidente, pero o maior orgullo é compartilo con toda a xente que fai posible que As San Lucas sigan adiante ano tras ano escribindo a historia dunha cidade e dun país

— A última edición, celebrada o pasado mes de outubro, destacou polo éxito e pola elevada afluencia de persoas en Mondoñedo, especialmente no día grande. Como viviron vostedes esta edición?
— Vivímola con moita emoción e con moitísimo traballo. Foi unha edición moi especial, con moita xente e cun ambiente magnífico. Ver Mondoñedo así enche de orgullo. Sobre todo o 17 e o 18, que foron dous días espectaculares: a xente respondeu con respecto, con ganas de desfrutar e coa ilusión de sempre. Para nós, ver a cidade así é exactamente para o que se traballa todo o ano; é unha satisfacción enorme. Para que todo saíse ben tamén fixo falta un traballo previo moi serio, deses que non sempre se ven pero que están aí. É o traballo da Garda Civil, da Policía Local e dos traballadores do Concello, que fan posible que a feira discorra con normalidade e con seguridade. O resultado final víuse nesa maneira tan fermosa de vivir a tradición: con respecto, con seguridade e cun ambiente único e exemplar. Foron uns días repletos de xente, cun ambiente extraordinario en cada recuncho de Mondoñedo. Tamén queremos agradecer a os e as San Luqueiros e San Luqueiras que se achegaron eses días, porque fixeron que esta edición fose, resumidamente, espectacular.

«Ver Mondoñedo así enche de orgullo»

— Estamos a falar dunha feira que naceu en 1156 e que en 2026 cumprirá 870 anos. Están xa a traballar na programación do próximo outubro? Haberá algo especial?
— Si, estamos traballando xa na próxima edición. Temos varios proxectos e moitas ideas enriba da mesa, ideas pensadas para poñer en valor As San Lucas, para seguir respectando a tradición e para incorporar propostas que encaixen co espírito da feira. Estamos falando con asociacións, con colectivos, con distintas administracións e tamén con empresas que queren colaborar con nós. Para un aniversario así necesitamos axuda, e por iso estamos movendo todo o que podemos para que entre todos poidamos sumar e facer algo bonito. O importante é que o que fagamos sirva para que Mondoñedo se converta, neses días, nese ambiente único que só se vive nas San Lucas, e que quen veña se sinta parte de algo especial, parte do lugar no que está. As ideas están aí, as ganas tamén, e estamos traballando para levalas adiante.

«Estamos traballando xa na próxima edición»

— A celebración naceu coa concesión dunha feira de oito días, e ao longo dos anos a programación evolucionou e hoxe en día suma historia, tradición, cultura e música. Ademais, nin sequera na pandemia deixou de celebrarse. Canta xente é necesaria para facer posible un evento desta magnitude?
— Para facer posible unha feira como As San Lucas fai falta moitísima xente. O traballo da Asociación é coordinar, pero por si soa non podería facer nada. Hai que falar e traballar con moitísimas persoas: cos gandeiros, coa xente dos postos de venda ambulante, coas empresas, cos artistas, cos voluntarios, cos equipos de montaxe e desmontaxe..… E tamén é importante destacar o apoio do Concello, da Policía Local, do persoal de obras así como do persoal administrativo. Detrás dun evento desta magnitude hai un traballo enorme de preparación: permisos, informes, coordinación, comunicacións, tramitacións, infraestruturas… unha parte silenciosa pero imprescindible para que todo estea en regra e funcione como debe.

«Para facer posible unha feira como As San Lucas fai falta moitísima xente»


Toda esta xente realiza un labor que non se aprecia a simple vista, pero que é absolutamente esencial para que todo funcione. E, do mesmo xeito, quero recoñecer de maneira especial a labor da Garda Civil e o seu asesoramento técnico no Plan de Seguridade. A Asociación segue sendo, ao final, un grupo de amigos e amigas que organizan unha feira e unha festa, e contar coa súa experiencia e acompañamento é fundamental. Están sempre atentos, revisando, orientando e garantindo que todo se desenvolva con seguridade. Ese compromiso constante é algo que valoramos profundamente. Grazas a ese apoio e a esa coordinación previa, a feira pode desenvolverse con normalidade e con tranquilidade para todos

— As San Lucas son as feiras máis antigas de Galicia e das máis importantes de Europa. É difícil conservar esta tradición así como manter momentos tan característicos como a baixada dos cabalos diante da praza da Catedral, sobre as mesmas pedras polas que pasaron hai séculos?

— É difícil, si, porque os tempos van cambiando e hai que adaptarse ás novas circunstancias. Pero igual de importante é o papel das gandeiras e dos gandeiros. Eles non só axudan a manter viva a tradición da Baixada, senón que o seu día a día é un labor imprescindible para o rural: coidan o territorio, manteñen vivos os pobos e realizan un traballo preventivo fronte aos incendios, non hai mellor prevención que os animais e a actividade gandeira, que manteñen limpos os montes e controlada a vexetación. Nós, pola nosa parte, ocupámonos da seguridade, da coordinación e de adaptarnos ás necesidades actuais. Pero sen eles e elas, sen ese esforzo constante das gandaría que seguen vindo cada ano, sería imposible manter a esencia da Baixada e das San Lucas, e tamén imposible manter vivo o noso rural.


 

Comentarios